Medios de comunicación e hexemonía.

Cando falamos de hexemonía en termos coloquiais facemos referencia a un vocábulo que funciona como sinónimo de supremacía, é dicir,  fai referencia a unha superioridade de carácter absoluto ou ao feito de estar no cumio dunha xerarquía ou clasificación, pero para falar do efecto dos medios de comunicación e a súa influencia no xeito de pensar dos individuos que forman parte dunha sociedade, queremos botar da concepción de hexemonía que fai o teórico italiano Antonio Grasmsci que define a hexemonía como dirección política, moral e intelectual.

Inmiscíndonos nesta descrición cabe distinguir dous aspectos: 1) o máis propiamente político, que consiste na capacidade que posúe unha clase dominante de articular cos seus intereses os dos outros grupos, converténdose deste xeito no elemento reitor da vontade colectiva, e 2) o aspecto da dirección moral e intelectual, que indica as condicións ideolóxicas que se deben de cumprir para que sexa posible a constitución desa vontade colectiva. Este concepto xeral de hexemonía en termos gramscianos fundaméntase na diferenciación da función de dominación respecto á de dominio.

Para Gramsci, un grupo social ten a supremacía cando se manifesta como dominante e director.  Un grupo é dominante dos grupos adversarios, aos cales tende a eliminar chegando a botar man das armas se fose necesario, e é director daqueles grupos que se mostran como afíns e aliados. Tendo en conta esta diferenciación conceptual, Gramsci considera que un grupo social debe de ser dirixente antes de conquistar o goberno (conditio sine qua non se acada o poder), converténdose en dominante coa acción gubernamental, pero sen perder a súa condición de director intelectual, moral e ideolóxico da sociedade. (Sacristán, M. 2013)

Como podemos observar, a construción do que Rousseau denomina como vontade xeral, é a principal premisa da conquista da hexemonía que fala Grasmci. Na actualidade atopámonos nun sistema de democracias liberais no cal os medios de comunicación din que compren unha labor fundamental para resgardar as Res publica, “a cousa pública”, pero están sumidos nunha contradición, xa que unha gran maioría deles son privados, polo que como toda institución privada están movidos por intereses puramente económicos en lugar de informar á cidadanía dos acontecemento coa maior obxectividade e imparcialidade posible.

A este modo de actuar dos medios de comunicación dentro das democracias actuais, o filósofo estadounidense Noam Chomsky denomínao como democracia do espectador , xa que, mediante a descrición da teoría sobre a democracia progresiva do recoñecido xornalista estadounidense Walter Lippman, explica que na actualidade a comunicación política cumpre unha función propagandística, que ten como obxectivo impoñer na sociedade un xeito de ver e analizar a realidade político e social que concorde coa visión que as elites precisan que teña o pobo,  para poder manter os seus privilexios e non correr o perigo de que muden nun futuro.

Lippman explica que nunha democracia que funciona correctamente existen dous tipos de cidadáns. En primeiro lugar, existe unha clase de cidadáns que asumen un papel activo en cuestións relacionadas co goberno e a administración.  A estes denomínaos como clase especializada e está formada por persoas que analizan, toman decisións, executan, controlan e dirixen os procesos que se dan nos sistemas ideolóxicos, económicos e políticos; constitúen unha pequena porcentaxe da poboación. Por outra banda, existe un grupo ao que Lippman denomina como rabaño desconcertado,  que está formado polo resto da poboación e son os que poñen en circulación as ideas da oligarquía. . Polo tanto, na democracia danse dúas funcións: por un lado, a da clase especializada, os homes responsables, que exercen a función executiva, e por outro, o rabaño desconcertado,   que dentro do sistema democrático tamén ten asignada unha función que non é a de participante activo, senón a de espectador.

Esta dualidade social existe debido a que as elites consideran que a xente é demasiado estúpida   para entender “a cousa política”, o que leva consigo que no momento en que membros do rabaño desconcertado traten de participar na xestión dos asuntos que lles afectan ou interesan, ponse en marcha unha máquina de “domesticación do rabaño”, ese elemento de domesticación é o que se denomina como consenso, que tan arraigado está no imaxinario colectivo. Así pois, para construír ese consenso, os que conforman a clase especializada teñen que tomar as decisións e inculcar as opinións axeitadas ao resto da poboación. (Chomsky, 1995).

 Un xeito de conseguilo é mediante  a división entre os medios de comunicación, as escolas e a cultura popular. Por iso existe unha educación de carácter privada, que se presenta na sociedade como de máis calidade e que forma aos membros desa elite política, ao tempo  que unha educación pública que se encarga de adoutrinar ao resto da poboación para que se manteñan distraídos con calquera cousa que non teña relación co poder.

Con esta estratexia de dominación do pobo a oligarquía garante que os cidadáns teñan grandes complicacións para construír un xeito de pensar diferente ao que eles posúen, xa que a única forma de crecemento intelectual á que teñen acceso é a formación autodidacta, de xeito que teñen a garantía de que non van perder os seus privilexios sociais e o seu status de poder na estrutura social. Dentro da estrutura social, os teóricos alemáns Karl Marx e Friedrich Engels (1995) explican que os individuos están divididos en clases segundo cal sexa a súa situación en relación aos medios de produción. Dentro desas sociedades de clases, como consecuencia do antagonismo que existe entre elas, prodúcese unha disputa pola hexemonía.

Para explicar o xeito en que se produce esa disputa, Chantal Mouffe formula unha diferenciación conceptual entre política e político e entre antagonismo e agonismo: Mouffe explica que entende a política como o conxunto de prácticas que corresponden á actividade política tradicional, mentres que o político está relacionado co modo en que se constitúe a sociedade. (Mouffe, C. 2007)

Por outra banda, a politóloga belga refírese como antagonismo a unha relación entre inimigos que non respectan o dereito a existir do outro, desexando a eliminación do mesmo. Doutro xeito, cando fala de agonismo, a pesar de que considera que sempre van existir posicións antagónicas nunha sociedade, fai referencia á que dentro dunha sociedade os actores teñen distintas concepcións sobre o conflito e deben competir entre eles. Polo tanto o antagonismo é constitutivo do político, porque calquera oposición entre individuos pode rematar expresándose en termos de amigo/inimigo, adquirindo un carácter político. Así pois, usando a terminoloxía de Martin Heidegger, a política sería o óntico mentres que o político sería o ontolóxico ou o que é o mesmo o ente e o ser.

Esta diferenciación apoiase no recoñecemento de que toda orde social é froito de relacións de poder e non dunha orde natural que provén dunha obxectividade allea ás prácticas continxentes que o producen. (Laclau, E e Mouffe, C. 2015)

O resultado desta competición fundamentada na pluralidade agonista é a constitución dunha orde hexemónica que ten a capacidade de poñer enriba da mesa as súas preferencias,  e conseguir que o pobo as tome como súas e co paso do tempo se converta na ideoloxía “oficial” da cidadanía (denominando como ideoloxía ao pensamento que se esconde detrás dos actores e que os levan a actuar dun modo ou outro, facendo que o pobo acabe crendo unha versión manipulada da realidade cando as elites son as posuidoras do discurso hexemónico). (Mouffe, C. 2007)

Esta posesión do discurso hexemónico, que provoca un troco dos intereses particulares en intereses colectivos constituíndo un novo “sentido común”,  ten unhas consecuencias en canto á lexitimidade dos que exercen o poder, ao non acadarse o poder dun xeito coercitivo, senón tras unha competición democrática que ten a súa base nese pluralismo agonista. A xente acepta esa nova orde cunha gran convicción xa que considera que o goberno está obedecendo aos intereses desa maioría social que emanou da vitoria contra as elites.

Na actualidade, debido á globalización, os medios de comunicación son a principal forma de persuasión, control, manipulación e alienación, sendo considerados como o principal medio de produción ideolóxica capitalista. Exemplo disto é o feito de que os individuos teñen a necesidade de prestar atención aos medios se queren estar informados dos asuntos públicos, se lles interesa recadar información, formar a súa opinión ou participar do proceso político. A necesidade de tales medios é tan importante que hoxe en día se non vemos unha historia nos diarios, ou a escoitamos na radio ou televisión, aos que a nós respecta, non sucedeu.

Como dixemos con anterioridade, existe unha conexión entre a clase dominante hexemónica dunha sociedade e os medios de comunicación, xa que teñen uns obxectivos comúns, polo que como defende o estadounidense Noam Chomsky, a axenda setting   é unha alianza tácita entre o goberno dun país e os medios de comunicación para comunicarlles aos espectadores, oíntes ou lectores dun determinado medio so o que interesa, e do mesmo xeito, ocultar ao máximo o que pode resultar perigoso ou prexudicial para a estabilidade que eles consideran correcta para o seu país. (Chomsky, N. 1995).

En consecuencia, as noticias constitúen un xeito de coñecemento e de construción de hexemonía, xa que lle mostran aos individuos unha perspectiva da realidade que ten unha gran carga ideolóxica da oligarquía e provoca que a sociedade considere de sentido común a mensaxe que reciben. Pois ben, para plasmar este feito queremos botar man do tratamento que lle deron os medios de comunicación españois, tanto públicos como privados, aos dous acontecementos políticos máis importantes da década pasada: o xurdimento de Podemos e o referéndum en Catalunya.

Dende o nacemento de Podemos, tanto os seus membros como o propio partido estiveron expostos a numerosas difamacións de diversa índole, dende a suposta financiación ilegal do partido con diñeiro procedente do goberno de Venezuela ata á relación con membros de ETA.

O obxectivo do partido hexemónico en España, o Partido Popular, tiña que poñer en marcha a maquinaria das cloacas do Estado para imbuír na cidadanía a idea de que eses recen chegados supoñen unha ameaza para a democracia e o Estado de dereito, e dese xeito conseguir que se esquezan de que quen arruinou o país foron os que gobernaron, non Podemos. Así pois, para lograr ese fin, o Goberno non dubidou en tirar de todos os medios dos que dispoñía para atacalos e facer unha campaña de desprestixio contra eles: uso sectario da policía, a fiscalía, a xudicatura, a Axencia Tributaria, a televisión pública e os medios de comunicación afíns (case todos os de formato papel).

Deste uso de todos os recursos hai un exemplo claro, o suposto extracto bancario do Europacific Bank   das Illas Granadinas, a través do cal o Secretario Xeral de Podemos, Pablo Iglesias, cobrara un diñeiro dunha conta offshore, demostrándose máis tarde que se trataba dun extracto falsificado.

Este feito demostra o uso político que facía o Ministro de Interior, creando probas falsas contra os seus rivais políticos coa conivencia do periodista Eduardo Inda, quen se encargaba de filtrar a información aos medios de comunicación.

Ata aquí, fixemos un tratamento dos medios de comunicación como transmisores de información e da súa capacidade de influír na axenda pública, pero tamén cabe facer mención ó seu poder para marcar a axenda política, ou o que é o mesmo, facer unha análise dos medios como actor político.   

A investigadora alemá Christiane Eilders explica que limitar o papel dos medios de comunicación a simples diseminadores de información, non so é unha definición deficiente, senón que implica subestimar e distorsionar o rol activo dos medios na formación da opinión pública e no desenvolvemento do proceso político. Polo tanto, podemos dicir que os medios son actores con intereses xenuínos que perseguen a repercusión das súas opinións, tanto na súa audiencia como no sistema político, e ao mesmo tempo tratan de influír nas axendas e actitudes das persoas, o que fortalece a idea de que os medios de comunicación actúan en base ás súas preferencias políticas,   que concordan coas da elite gobernante.

Outro feito para tratar os medios de comunicación como actor é a súa capacidade de lexitimación dunha decisión ou suceso que lles é beneficioso, ou polo contrario, de deslexitimación cando se trata dun acontecemento que pon e cuestión a súa posición privilexiada ou a dos seus iguais dentro do tecido político e social que teñen construído. Como apuntamento teórico deste suposto podemos facer mención á explicación que fai o politólogo Josep M. Vallés en torno a que os medios de comunicación nos sistemas políticos modernos son eco, comparsa e protagonistas. Na maioría das situacións son eco porque se dedican a transmitir a información que lle envían outros actores.

Noutros casos, son comparsa porque se converten no sustento doutros actores provocando a aprobación ou desaprobación da actuación dos mesmos,   e nalgunhas ocasións son protagonistas cando desenvolven unha actuación ou estratexia propia para acadar un obxectivo concreto (Vallés, V. 2010).

Para rematar e plasmar cun exemplo práctico esta realidade, imos facer unha pequena análise do tratamento que lle deron os medios de comunicación ao referéndum  do 1 de outubro de 2018 en Catalunya: coa data da celebración da consulta catalá cada vez máis próxima, as elites españolas viron en perigo unha das premisas principais do “Réxime do 78”, a cuestión da unidade nacional.

Tendo en conta as masiva concentración de xente que se manifestaba durante as Diadas dos últimos anos, o referéndum gozaba cada vez dunha maior lexitimidade dentro de Catalunya, o que provocaba que a clase dominante española   encarnada nos partidos políticos do réxime (PP e PSOE), nas elites económicas (IBEX 35), etc, tivesen   que poñer en marcha unha campaña de deslexitimación de dita consulta.

Para iso, botaron man sobre todo dos medios de comunicación afíns e da televisión pública, apelando á xa famosa maioría silenciosa non independentista ou á deslexitimación da consulta   fundamentándose na ilegalidade da mesma en base á Carta Magna. Chegados ao 1 de outubro, celébrase a consulta  baixo un clima de represión policial que provoca numeroso feridos, ocupando as portadas de todos os periódicos xa non so en España, senón que   a nivel internacional. Pero aquí atopámonos cunha diferencia substancial, o tratamento que fan os diferentes medios da represión do 1 de outubro en Catalunya.

A nivel internacional, as numerosas imaxes de agresións policiais ocuparon a maior parte das portadas denunciando os feitos. Exemplo son os titulares de xornais como The Guardian no Reino Unido, “O estado español perdeu, quen son os vencedores?, Le Parisien, “Fiasco en Cataluña”, L´Humanité “Rajoy escolle a violencia e hipoteca ofuturo”, The New York Times, “O voto catalán pola independencia dexenera en caos e violencia”, etc. ou incluso abriron informativos televisivos coa noticia; a CNN, “A man dura aplicada por España contra o referéndum de Catalunya deixa centos de feridos” ou a BBC “Violencia mentres votantes desafían a Madrid. A violencia estala na rexión española mentres a policía trata de frear un referéndum prohibido”.

Doutro xeito foi tratado en España, xa que a maior parte dos medios de comunicación de papel, case todos afíns ás elites españolas, tiveron un tratamento moi diferente, aínda na portada facían o amago de condenar a violencia, as editoriais chegaron a ter titulares tan impactantes como por exemplo o de El País, “ Fronte á insurrección lei, pero non so a lei”, ou o titular da portada de El Mundo sen nomear a violencia, “Puigdemont proclamará la independencia en días”, etc. Como consecuencia do referéndum e da posterior proclamación de independencia o goberno central aplica o artigo 155 da Constitución Española e o papel dos medios de comunicación volve a ser o mesmo, lexitimar a súa aplicación e culpabilizar ao govern de  que  houbese que tomar esa medida para restablecer a legalidade a Catalunya.

Tendo en conta os casos que acabamos de expoñer, podemos dicir que o papel dos medios de comunicación de masas en España posúen   máis unha función de propaganda política ca de comunicación, xa que nunha gran parte deles a mensaxe é unidireccional,   favorecendo sempre aos partidos que garanten a perpetuación dos privilexios da oligarquía,   lexitimando todas as actuacións que levan a cabo ditas formacións políticas, chegando a poder influír nas decisións das mesmas ou sendo empregados de correa transmisora para que sucedan certos feitos nas propias organizacións.

A modo de conclusión podemos dicir que a loita política é, ante todo, unha loita pola hexemonía froito do disenso democrático, é dicir, unha loita por instalarse no “sentido común” da poboación de maneira que as preferencias individuais se convertan nas preferencias colectivas da sociedade (Fernández Liria, C. 2016).

Na actualidade, os medios de comunicación de masas posúen un papel fundamental dentro da articulación do político, e dependendo da súa postura dentro da dualidade social entre o eles (elite) e o nós (pobo), o discurso hexemónico vai ser diferente, polo que os elementos ideolóxicos da súa mensaxe son unha parte fundamental para a construción do novo “sentido común” da poboación.

BIBLIOGRAFÍA

Centro de estudios Políticos y Constitucionales. (2010). Política democrática y comunicación: un rapto consentido. Revista de estudios políticos (nueva época), 150.

Chomsky N. (1995). Como nos venden la moto. Barcelona. Icaria.

Fernández Liria C. (2016). En defensa del populismo. Madrid. Catarata.

Heidegger M. (2012). El ser y el tiempo. Madrid. Trotta.

Laclau, E. e Mouffe. C. (2015). Hegemonía y estrategia socialista. Madrid. Siglo XXI.

Marx, K. e Engels F. (1998). O manifesto comunista. Vigo. Xerais.

Mazzoleni G. (2010). La comunicación política. Madrid. Alianza.

Mouffe C. (2007). En torno a lo político. Madrid. Fondo de Cultura Económica de España.

Sacristán M. (2013). Antología de Gramsci. Madrid. Akal.

SOBRE O AUTOR

Carlos Abelenda. Estudante de Ciencias Políticas na USC. Escribe sobre diversas temáticas, pero especialmente mostra interese polo ámbito da teoría política e os movementos sociais.

Anuncio publicitario

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s