Fai xa máis de dous anos e medio, unha grupo de mozas decidimos poñer en común os nosos intereses e paixóns, e o noso afán por tecer unha rede de coñecementos, reflexións e hipóteses sobre diversos espazos da cultura, a sociedade e a política. Desta iniciativa por construír unha lupa coa que ollar de xeito crítico a realidade xurdiu este proxecto, A Xanela.
Ao longo deste tempo, botamos a andar numerosos cometidos, con diversidade temática e de formato. Co noso esforzo -e o das nosas colaboradoras- abordamos cuestións como a situación da educación pública, a saúde mental, as dinámicas de consumo ou a violencia patriarcal, retratando cunha mirada crítica as súas problemáticas e as demandas transformadoras. No plano cultural, as distintas expresións do cine, a música, ou a arte, atoparon un lugar na nosa plataforma. E tamén, cun prisma político-institucional, traballamos para radiografar as elites políticas españolas e galegas, as súas culturas políticas e as súas posicións institucionais, demos conta da cobertura e a opinión dalgúns dos procesos electorais dos últimos anos, realizamos unha panorámica internacional sobre algunhas partes do globo, e achegámonos á realidade tamén a través de relatos e análises máis filosóficas e mundanas.
Durante o percorrido deste camiño, a nosa máxima foi sempre manter unha dedicación autotélica dende a crítica, a rigorosidade e a cooperación, para construír un espazo aberto, democrático e autofinanciado. Precisamente, este traballo dende e para abaixo é a clave de bóveda das moitas limitacións e dificultades coas que fomos atopando.
Nos estreitos marcos do mundo da comunicación e a divulgación neoliberal, resulta difícil e laborioso abrir oco a un proxecto autofinanciado, no que os resultados son produto do esforzo dun puñado de persoas, cuxa dedicación profesional non é do traballo no propio proxecto.
Así as cousas, o tempo é o factor de desigualdade por excelencia, e precisamente a necesidade de reorganizar este elemento tan esencial nas nosas vidas, é o eixo central deste comunicado. Dende a equipa da Xanela queremos anunciar un parón indefinido, que nos permita frear un pouco o reloxo, cavilar sobre o camiño feito ata agora e sobre o que queda por percorrer.
Agradecemos o traballo e a dedicación de todas as que apostáchedes por participar neste espazo, dende as que deixáchedes a vosa pegada colaborando con algún contido, ata as que vos interesáchedes polos mesmos e fóchedes parte da cadea de divulgación. Queremos tamén mandar un saúdo á xente doutros proxectos coa que tecemos relación, contribuíndo a engrandecer a nosa experiencia profesional, pero tamén humana.
Unha fraternal aperta.